Equipo Blog
11 Mayo 2016
  •  
0 comentarios

ASAMBLEA ABERTA OURENSE 15M

Atendendo á chamada internacional que realiza o movemento Nuit Debout, para sair ás rúas e ocupar as prazas o 14 e 15 de maio, o 15M de Ourense quere ofrecer un espazo de encontro a todos os movementos e persoas loitadoras da nosa cidade.

A praza Maior de Ourense converterase no lugar onde escoitaremos as voces daquelas que sosteñen a chama da loita popular e cidadá ao longo de todo o ano. En defensa da lingua, do dereito á vivenda ou da liberdade de expresión.

Reclamando unha educación e sanidade públicas, gratuítas e de calidade. A preservación do patrimonio de Benposta ou a construcción dun centro para persoas con diversidade funcional. Un campus digno e tamén unha Casa da Xuventude viva e de todas. A apertura de fronteiras para as persoas refuxiadas e máis o respecto aos dereitos do pobo Palestino e do pobo Saharaui. A existencia dun espazo sociocultural autoxestionado e tamén o dereito a unha mobilidade sostible pola nosa cidade. A loita do movemento feminista e máis do movemento ecoloxista. O dereito a pan, traballo e teito. O dereito a querer ser nai ou non e máis a un parto respectado. Os grupos que defenden outros modelos de consumo. E tamén aqueles que reclaman ríos limpos ou que loitan pola defensa dos nosos montes.

Hoxe xa non é o momento de indignarse en solitario senón de actuar todas xuntas. Somos o 99% e temos a capacidade de rexeitar aos do 1%, á imposición dos mercados financieiros, á destrución do entorno, ás guerras e, en definitiva, á degradación das nosas condicións de vida.

É por isto que a nosa asociación ven de adherirse a este chamamento e imos acudir o sábado 14 de maio ás 19h para poñer voz á nosa loita por partos respetados e dignos para todas as mulleres do mundo. Imos ter a ocasión de explicar as nosas experiencias e traballo e aportar alternativas para mellorar e lograr obxetivos nun futuro.